Birlos, bólos...

Xogos Tradicionais Galegos

Birlos, bólos...

Como xogar:

Os birlos presentan infinidade de variantes en Galicia. Utilízase como exemplo a modalidade de birlos de lastra, do Norte de Lugo.

Precísanse dúas ou máis bólas, construídas de madeira dura e de un a tres quilos, e de cando menos 9 birlos. Debe observarse que tanto uns como outros escachan ou deterióranse con facilidade, e de aí a necesidade de ter repostos. Os birlos teñen entre 7-10 cm de altura, e hainos sen tornear, cos dous extremos cortados permitindo mantelos dereitos no chan, e torneados, cunha soa cara de apoio e coa outra en forma de lámpada eléctrica. As bólas son esféricas, duns 15 cm de diámetro e, a diferencia doutras modalidades, non teñen buratos para suxeitalas.

O xogo practícase nun terreo chan e libre, no que se marca, a zona de lanzamento, o fite, a liña de 15 e a liña de 20 (cando o terreo é suficiente, pódese marcar incluso a de 30). Aínda que non é imprescindible, cómpre que no extremo final do campo exista un obstáculo natural que pare os birlos, dado que é relativamente fácil extravialos.

Interveñen cando menos dous xogadores/as enfrontados, aínda que poden participar catro ou máis, por parellas ou equipos. Situados os nove birlos no seu lugar (permanentemente marcado enriba dunha laxe dura), arrebólase a bóla contra eles tratando de tirar o maior número posible. A puntuación, dun xeito sintético, obtense do seguinte xeito:

- Aqueles birlos que non cheguen á liña de quince obteñen tres puntos cada un.

- Os que pasen da liña de quince, quince puntos cada un.

- Os que pasen da liña de vinte, vinte puntos cada un.

- En contra de todo o dito, aasí e todo, se a bóla non pasa da liña de quince, o xogador/a en cuestión nin suma nin resta puntos.

As partidas acórdanse a sesenta puntos, e gaña o xogador/a, a parella ou o equipo que antes os acade.

 

 

Compartir:

Promoven

Consello da Cultura Galega Consello da Cultura Galega