Este queixo, queixolán
Como xogar:
Trátase dun mínimo exemplo da infinidade de posibilidades que nos ofrece a tradición oral, moi rica en xogos a través dos cales se interiorizan as partes do corpo. Este recitado obriga a ir tocando (e, xa que logo, diferenciando), as partes da cara. Nun primeiro momento, é a persoa adulta a que realiza o xogo sinalando os diferentes elementos na cara do neno/a. Despois, o xogo levarase a cabo do revés, e mesmo o neno/a pasará a sinalar os diferentes elementos da súa propia cara.
Recitado: Este queixo, queixolán,
esta boca pide pan,
este narís, narisete,
este ollo pipirete,
este outro seu irmán,
esta frente, frentolán.
Variante: Este queixo, queixolán,
esta boca pide pan,
este narís, pis, pis,
estes ollos, revirollos,
esta testa, testaruda...,
¡e este peliño de burra!

