Pelouros

Xogos Tradicionais Galegos

Pelouros

Como xogar:

Dos xogos de pedras e tabas, numerosos no noso catálogo lúdico, esta variante constitúe unha das formas máis sinxelas.

Trátase dun xogo tradicionalmente de nenas que, dispostas en corro, e de xeonllos, van participando, na orde preestablecida ata que cada unha delas perde, cedéndolle entón a vez á seguinte. A variante que presentamos utiliza cinco seixos de río redondeados que se manexan da seguinte maneira:

  1. Lánzanse os cinco ao aire, e téntanse recoller co dorso da man. Un polo menos debe quedar no dorso. Este pasará a ser a coutadeira ou paleadeira, segundo as versións, é dicir, a pedra mestra.
  2. Lánzase a coutadeira ao aire e, antes de volvela recoller, cóllese coa man un dos seixos do chan. Repítese o proceso ata recoller os catro.
  3. Elíxese outra vez a coutadeira co mesmo proceder. Repítese a operación da fase 2, pero agora collendo as pedras do chan de dúas en dúas.
  4. Ídem., recollendo tres, e unha.
  5. Ídem, recollendo as catro.
  6. Elíxese coutadeira. Colócanse os dedos índice e polgar formando unha ponte no chan. Lánzase a coutadeira ao aire e pásase un dos seixos do chan por debaixo da ponte. Repítese o proceso con todos.

Nesta variante, coas seis fases completadas gáñase o xogo. Un mínimo fallo en calquera dos procesos obriga a ceder a vez ao seguinte xogador/a, agás na fase 6, na que non é preciso pasar dunha soa vez o seixo por debaixo da ponte, podendo lanzarse a coutadeira ao aire tantas veces como se queira.

Compartir:

Promoven

Consello da Cultura Galega Consello da Cultura Galega