Peseta

Xogos Tradicionais Galegos

Peseta

Como xogar:

Trátase dun xogo de lanzamento que, nalgún momento dado, pasou xogarse con pesetas poñendo cada xogador/a a súa peseta en xogo, pois, unha vez xogada, pasa a ser susceptible de ser embolsada polo gañador/a da partida. Nada indica, non obstante, que non se poida xogar con chapas, por exemplo. Trátase, por outra banda, dunha modalidade máis sinxela de certos xogos de lanzamento propios das persoas adultas.

Trázase no chan unha liña duns 20-30 centímetros e, tomándoa como base, un semicírculo. A unha distancia duns tres metros sitúase a liña de lanzamento. Desde esta última cada xogador/a tratará de que a súa peseta quede o máis preto posible da primeira liña trazada, e enriba dela, a ser posible.

Gaña quen consegue lanzar a peseta enriba da liña. De non conseguilo ninguén, gaña o que máis preto a deixase. Non obstante, se unha peseta quedou dentro do semicírculo e outra fóra, gaña sempre aquel que a lanzou dentro, aínda que estea máis lonxe da liña. O gañador recolle as pesetas que queden fóra do semicírculo.

Compartir:

Promoven

Consello da Cultura Galega Consello da Cultura Galega